Wednesday 15 de May de 2024

O Plan Único da Deputación financia con 101.066 euros as obras de reparación da piscina municipal de Frades


As obras veñen de saír a licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado

A Deputación da Coruña investirá 101.066,29 euros nos traballos de reparación da piscina municipal de Frades.

As obras, que veñen de saír a licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado, serán financiadas integramente con cargo aos fondos do Plan Único (POS+2019). As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas até o vindeiro 2 de marzo.

Os traballos darán solución aos defectos de illamento do vaso da piscina e de fugas na canaleta perimetral, que ademais dun desperdicio de auga potable, supoñen un gasto importante para o Concello de Frades.

Tamén se solventarán os defectos do sistema de depuración, que a día de hoxe ten que ser controlado manualmente, o que require a presenza continua dun operario. Para evitalo, instalaranse un analizador-regulador automático do pH da auga e catro bombas electromagnéticas aptas para a dosificación de produtos químicos.Finalmente, dotarase á instalación de novas válvulas e circuítos hidráulicos.

O prazo de execución será de seis meses a partir do inicio das obras.